Escola de Nais e Pais: Charla de Saúde Emocional

Navegando pola tormenta de emocións dos nosos fillos e fillas: axudando ás familias a entender o cerebro adolescente.

O próximo martes 3 de decembro ás 18.00 convidámosvos a asistir á charla de Saúde Emocional impartida pola colaboradora Raquel Fernández Domínguez.

A charla terá lugar no Salón de Actos do IES Salvador de Madariaga

De que falaremos?

Neste obradoiro, Raquel Fernández axudaranos a comprender mellor o funcionamento do cerebro adolescente e o papel crucial das relacións de apego no seu desenvolvemento emocional. Exploraremos como estas conexións inflúen na capacidade de xestión emocional e a resiliencia dos adolescentes antes as dificultades.

Como inscribirse?

Esta charla forma parte do Escola de Nais e Pais, un programa impulsado polo Anpa coa colaboración do  Centro Educativo.

A charla é de balde; e podédesvos inscribir neste enlace

Sobre a poñente

Raquel Fernández é educadora social e pedagoga cunha amplia traxectoria no ámbito da saúde mental. Conta con máis de 15 anos de experiencia traballando con menores gravemente traumatizdos, ofrecendo apoio ás súas familias e supervisión a profesionais de protección infantil. Ademais, imparte formación sobre apego, regulación emocional e trauma para educadores, profesionais da protección á infancia e familias; contribuíndo á prevención e coidado emocional dos menores.

Charla TDAH para familias

O próximo mércores día 10 de abril ás 18.00 convidámosvos a asistir á charla de TDAH impartida pola colaboradora Mary Luz Fernández Álvarez
Mary Luz conta con mais de 20 anos de experiencia tanto no eido do diagnóstico como asesorando a familias e profesionais, ademais de facer intervención en contexto natural con  alumnos con discapacidade. Dende  fai 15 anos traballa como PT e orientadora no CPR  de Agarimo. A súa traxectoria profesional ten un marcado carácter sistémico ao amparo da teoría do procesamento da información en base as fortalezas e debilidades cognitivas do alumno.
 
Esta actividade está orientada a pais e nais.
 
Mediante unha sesión informal, Mary Luz ofrécenos manter un diálogo coas familias para expoñer e explicar en qué consiste este trastorno; así como orientar a pais e nais no uso de técnicas e ferramentas que melloren as relacións de convivencia e a capacidade de traballo.
 
Á charla están convidadas todas as familias interesadas do  IES Salvador de Madariaga como do CEIP Emilia Pardo Bazán. A duración aproximada será de 90 minutos.
 
Por control de aforo, agradecemos aos interesados que realicedes a vosa inscrición no seguinte enlace